Sítio na rede para denunciar o projecto de urbanizaçom que pretende borrar do mapa umha das poucas fragas de espécies autóctonas que há em Ferrol
correio-e: menancaro@gmail.com

terça-feira, fevereiro 07, 2006

Alegacións da SGHN ao “Plan de Sectorización de Menáncaro” - 19/08/2005.

ASUNTO: Alegacións ao “Plan de Sectorización de Menáncaro”.

Javier Porta Rivera con D.N.I. 32617431G, Delegado da Sociedade Galega de Historia Natural (SGHN) de Ferrol, co enderezo –para os efectos de notificación- no Apartado de Correos nº 356 de Ferrol, c.p.: 15405, formula alegacións ao Plan de Sectorización de Menáncaro no concello de Ferrol presentado por Bros Noroeste Empresa Inmobiliaria S.L., expoñendo o seguinte:

A propósito do estudo de impacto ambiental do Plano de Sectorización de Menáncaro, presentamos as seguintes consideracións:

A zona na que se proxecta a actuación está ocupada na súa práctica totalidade por unha carballeira de Quercus robur, case todos de considerábel tamaño, diámetro e idade (abundan os exemplares centenarios). Apréciase nesta poboación un patrón xenético de gran valor, cun estado de saúde óptima dos individuos, pois non presentan enfermidades por fungos nin debilitamento pola actual seca, factores estes que si están a afectar a meirande parte dos carballos na actualidade.

Na p. 42 do estudo de Impacto Ambiental afírmase que existen masas illadas de repoboación con piñeiro e eucalipto. Discrepamos desta afirmación xa que estas especies teñen tan pouca representación que a súa presenza pode considerarse insignificante.

Aínda que tradicionalmente viñéronse realizando aproveitamentos agropecuarios, o estado de abandono que se vén producindo nos últimos anos provocou o inicio da recuperación natural da vexetación propia das fragas apreciándose a aparición de especies de sotobosque: sanguiños, xestas, loureiros... indicio claro da posibilidade dunha rápida evolución cara ao nivel climácico da fraga.

A conservación desta carballeira resulta imprescindíbel tamén para outra formación vexetal de grande importancia que se desenvolve a carón dela: o bosque de ribeira do Río da Sardiña.

Os inventarios de fauna citados no estudo falan por si mesmos do alto valor ecolóxico do espazo afectado, constituíndo un poderoso argumento a prol da súa conservación.

No proxecto afírmase que se procurará o mantemento das zonas de interese paisaxístico e natural existentes. Este obxectivo non é compatíbel co plano de edificación proxectado.

Xustifícase a actuación como parte do proceso urbanizador do concello de Ferrol, non tendo en conta, pola contra, que neste proceso hai unha demanda da poboación para manter intactos os espazos verdes existentes.

A grande escaseza de bosque autóctono na costa galega e máis concretamente na zona que nos ocupa, integrada na área xeográfica de Ferrolterra, fai obrigatoria a protección dos escasos exemplos que aínda de conservan.

A súa protección leva consigo efectos positivos sobre o clima, valor paisaxístico, contrarresta os efectos da contaminación atmosférica e alberga unha fauna de aves, insectos, micromamíferos, etc., de efectos moi favorábeis para os cultivos agrícolas.

As características citadas fan inxustificábel a cualificación destas parcelas como Solo Rústico Apto para Urbanizar.

O valor ecolóxico da fraga de Menáncaro queda remarcado se atendemos aos datos que recollen Carlos Vales e outros autores en “Os bosques atlánticos europeos” de edicións Bahía, no que aparecen datos procedentes dos inventarios forestais nacionais de 1972-74 e 1986 dos que podemos tirar as seguintes conclusións:

Escasa superficie do bosque autóctono, que representa o 20% da superficie forestal actual e o 6’5% da superficie forestal potencial.

Deficiente estado de conservación do bosque autóctono existente, con predominio dos estados sucesionais pouco organizados ou regresivos: as existencias medias por Ha son inferiores a 60 metros cúbicos que é un nivel moi baixo; predominio de masas en fases xuvenís pouco estratificadas e organizadas; escasa fracción de cabida cuberta, as masas forestais con cabida cuberta maior de 70% non acadan o 10% do total, isto supón que as masas de bosque pechas en bo estado de conservación non superan as 20.000 Ha.

Importancia das formacións antrópicas recriadas e modeladas polo aproveitamento, como son os soutos de castiñeiros e as devesas de carballos. Así: os soutos conteñen o 60% das existencias totais de castiñeiro, as devesas de carballos albergan o 40% das existencias totais de carballos.

Regresión continua de masas de frondosas. Nos últimos 15 anos perdéronse preto de 50.000 Ha de superficie, aínda que esta perda foi compensada en parte polo aumento de superficie de masas de frondosas mesturadas con coníferas e eucaliptos.

Outros indicadores da regresión do bosque autóctono son o descenso da sección normal e o diámetro medio, o que indica a desaparición de masas vellas e valiosas dende o punto de vista ecolóxico.

Por todo o exposto solicita:

1.- Que se teña por formulado alegacións ao Plan de Sectorización de Menáncaro no concello de Ferrol e persoada a SGHN (Ferrol) como parte interesada no expediente de referencia interesando que se lle notifique por escrito cantas alegacións e resolucións se practiquen en diante, sen prexuízo da obtención de cantas copias precise da documentación que obre no expediente.

2.- Que polas razóns expostas se desestime a solicitude de autorización para levar a cabo o proxecto antes mencionado, se suspenda a tramitación do expediente e se arquive definitivamente.

Ferrol, a 19 de agosto de 2005

Asdo.: Javier Porta Rivera

Nenhum comentário: