Na Praza de España, o Concello de Ferrol está a executar unha obra ilegal nun espazo público, nunha praza. Unha obra ("hito urbano" lle chaman, como se a praza non puidese ser un fito urbano sen edificio), que de consumarse suporía hipotecar unha parte do espazo público máis importante da cidade ata dentro de 75 anos. ¿Qué pasará se dentro de dez anos o edificio deixa de ter uso?, ¿teríamos que aguantar a súa ruína durante outros 65 anos ou indemnizar ao concesionario?
Unha obra ilegal que pon en evidencia que mentres a cidadanía ten que cumprir o Plan Xeral, a administración que é garante do seu cumprimento, o Concello de Ferrol, pode pasar olimpicamente do cumprimento desta norma na Praza de España. Din que o fito urbano é legalizable, porque no futuro pódese adaptar o Plan Xeral ao que alí se constrúa. Este goberno municipal está a inventar un novo urbanismo no que son os plans os que se adaptan ás obras e non as obras aos plans. Unha sorte de Far West, no que manda o máis forte. Un territorio no que a cidadanía cumpren as normas mentres a administración as adapta á súa conveniencia.
Na praza de España o negocio está claro, máis o beneficio non. ¿Onde está a necesidade de construír un edificio de 21 m de altura, de uso privado, sobre un espazo público?, ¿quen necesita un edificio de oficinas no medio dunha praza cando na cidade hai centos de oficinas baleiras? ¿Quen necesita un novo centro comercial que arruíne o pequeno comercio da Madalena, un dos recursos máis importantes da cidade? Eles saberán. Nós, dende logo non vemos tal beneficio.
Non queremos que nos sigan roubando o noso patrimonio público. Non queremos un urbanismo que consista na subasta e liquidación do patrimonio público, dos espazos conquistados e mantidos durante anos, xeración tras xeración, co esforzo de todos e todas.
O pasado día 3 deste mes de decembro, manifestamonos en Ferrol, de novo, as asociacións e entidades que promovimos esa mobilización, pretendemos seguir mobilizandonos até acadar os nosos obxectivos que son: que se paralicen as obras e que o goberno municipal busque outras alternativas que non sexa a construcción dese macro-edificio na superficie da Praza, que a Praza quede aberta e limpa para uso e gozo de toda a cidadanía. É por iso polo que convocamos unha nova maifestación popular este Domingo, dia 21 de xaneiro, ás 12 do mediodía, saíndo desde a Praza Amada García, frente ao Edificio Administrativo da Xunta de Galicia.
Convocantes das mobilizacións na defensa dos espazos públicos, en contra do macro-edificio da Praza da Porta Nova [Praza de España]: Asociación Veciñal de Esteiro "Fontelonga", Asociación Veciñal de Ferrol-Vello, Asociación Veciñal de Santa Mariña, Asociación Veciñal de San Xoan-Bertón, Asociación Veciñal O Cruceiro de Canido, Asociación Veciñal "O Rosario - Inferniño", Asociación San Fernando de Recimil, Asociación Cultural Fuco Buxán, CIG-Ferrol, CC.OO Ferrol, Colectivo Veciñal Sartaña, Esquerda Unida - IU, Federación de ANPAS de Centros Públicos de Ferrolterra, Os Verdes - Grupo Verde de Ferrol, NÓS - Unidade Popular, Plataforma Ártabra 21, UGT-Ferrol. USTG-Ferrol
Nenhum comentário:
Postar um comentário