O passado Sábado, 14 de Abril, o nosso companheiro Ramón Regueiro entregou unha carta ao Presidente da Xunta de Galicia Sr. Touriño, onde explica a situaçom e solicita a intervençom da Presidência para evitar o Antetado Ecológico que pretendem levar adiante os Governantes Municipais contra a Fraga de Menáncaro. A continuaçom transcrevemos a Carta:
Estimado Sr. Presidente da Xunta de Galicia
Son un traballador prexubilado do naval de Ferrolterra, en cocreto da antigua ASTANO, veciño da parroquia de Serantes concello de Ferrol, dun lugar que lle chaman Quiá en plena Fraga de Menáncaro, alí vivo nunha casa eminentemente rural, mais en perigo de convertirse en urbana de xeito traumático, só por mor da especulación urbanística. Isto non tería maior trascendencia, só na miña persoa e da miña númerosa familia, se non fose que o que está en perigo é un dos espazos naturais mais importantes do Concello, estou a falar da xa citada Fraga de Menáncaro.
Desde que comezou esta loita, é moito o que levo aprendido, nun principio o facía polo que me tocaba de persoal e por simple instinto, sabía que isto de destruir a Fraga coa súa carvalleira, os prados, o bosque do río e o mesmo río, non podía ser bon, ainda que o poñan todo tan lindo con 69 chales a maioría de luxo e un complexo hoteleiro, a uns metros a miña casa, xa sen terra na que plantar nen pasear.
Antes decía desde que comezou esta loita, pois si digo ben, pois estou integrado en algo que lle chamamos Comunidade Menáncaro, un organismo de participación cidadán que integramos grupos ecoloxistas, culturais e o colectivo veciñal ao cal pertenzo.
Non o vou molestar moito, pois o que levamos feito “daquí pra lá, da lá pra cá”, centos de papeis e entrevistas, é demasiado para poder poñer nesta carta, se o ten a ben, podemos entregar toda a documentación, mais non creo que faga falta pois nas Direccións Xerais das Consellerías implicadas está todo, e a intervención destas, foi desfávorábel a que se faga o proxecto urbanístico. Ainda así, os grupos que gobernan hoxe no Concello, pretenden aprobar o Plano de Sectorización de Menáncaro alegando silencio administrativo, da administración que Vostede ten o honor de presidir.
Paso a explicar un pouco de que vai o asunto utilizando escritos xa feitos con antelación:
A Fraga de Menáncaro está situada no val do río Aneiros, contributario do río da Sardiña, na parroquia de Serantes, esta fraga conforma un habitat natural de máis de 10 ha de superficie. É unha das poucas manchas de bosque autóctono que se conserva no concello, xunto coa Fraga de Monte Fontelo (A Graña), Fraga da Pega e da Casa do Monte (Leixa) e o Acivreiral das Forxas (Covas), espazos naturais que tamén se deberían conservar e protexer. Un dos feitos que fai de Menáncaro unha zona cunha carvalleira singular é a presencia de carvallos centenarios de porte excepcional, base dun bosque maduro e de gran biodiversidade.
Na Fraga de Menáncaro, hai especies singulares e de grande valor, protexidas por normativas en vigor é únicas no contorno, especies de interese consideradas como "vulnerabeis" no borrador do listado de flora ameazada da Xunta de Galicia e outras que están incluídas no listado sinalado como especies "de interese especial".
O lugar é merecedor de normas protectoras específicas, dado o seu interese natural, didáctico, científico, cultural, paisaxístico e ecolóxico do conxunto do habitat natural e dalgunhas das árbores e especimes da flora existentes na Fraga, xa que constitúe un patrimonio natural e cultural valioso, de interese público, e unha das escasísimas e reducidísimas mostras de bosque autóctono existentes en Ferrol, irrecuperábel no caso da súa destrución ou desaparición.
Na actualidade, a Fraga de Menáncaro está ameazada por mor da especulación urbanística, promovida por BROS NOROESTE EMPRESA INMOBILIARIA S.L. e da man do Tenniente Alcalde, Juan José Fernández García, un dos maiores beneficiarios da construción deste complexo especulativo que en vez de protexer a Carvalleira e o seu entorno, fai todo o contrario desde o seu posto no goberno municipal, poñendo toda a maquinaria administrativa do Concello a traballar para o seu beneficio particular.
Este venres, 13 de abril, a proposta do Concelleiro Delegado de Urbanismo, Guillermo Evia, a Comisión Municipal de Urbanismo, aprobou unha resolución para levar ao vindeiro Pleno do 26 deste mes, para que este se pronuncie sobre a aprobación presunta e definitiva do Plano de Sectorización de Menáncaro, por entender que se produzo silencio administrativo.
As persoas que formamos parte da Comunidade Menáncaro, vemos con preocupación esta decisión pois non deixa de ser unha irresponsabilidade, dado que o citado Plano non só é rexeitado de forma contundente pola veciñanza e entidades ecoloxistas e sociais do concello, senón que xa se teñen emitido até tres informes da administración autonómica, dous desfavorabeis ao Proxecto, por parte da Dirección Xeral de Urbanismo, e un da Dirección Xeral de Calidade e Avaliación Ambiental, onde se lle empraza, ao Concello, a someter o Plano de Sectorización ao trámite de Avaliación do Impacto Ambiental, considerando a revisión do Estudo de Impacto Ambiental presentado no seu día, e completar este cunha serie de informes [da D. X. de Conservación da Natureza, da D. X. de Patrimonio Cultural e de Augas de Galicia], outros trámites e actuacións, así como efectuar o trámite de información pública; chegando a cualificar a Fraga como unha zona de importancia ecolóxica e paisaxística. Mais os informes de mais peso son os preceptivos da Dirección Xeral de Urbanismo que por dúas veces veñen a informar desfavorabelmente á intervención urbanística na Fraga, alegando moitas deficiencias no propio Plano. Mais sobre todo cuestiona o conxunto do mesmo a delimitación da área; a conexión de infraestruturas; a súa inserción no territorio; a ordenación; a zonificación ... Todas cuestións que invalidan o proxecto urbanístico cualificando o espazo excesivamente reducido para a actuación que se pretende.
Por outra banda é moi contraditorio, co que agora pretenden, que no seu momento o Goberno Municipal, acordase solicitar que a Fraga de Menáncaro forme parte do Catálogo Galego de Arbores e Formacións Senlleiras, o que levaría parello unha especial protección da zona.
Noutra orde de cousas, os Planos de Sectorización en xeral, teñen que ter unha xustificación de peso para que os Concellos dean o seu visto bon, e mire por onde se mire a xustificación alegada pola empresa promotora: a falta de oferta de vivenda en Ferrol, o despegue industrial da zona e unha grande demanda deste tipo de vivendas, perde todo o peso do mundo, cando segundo dados do IGE, Ferrol perdeu máis 5.000 habitantes nunha só década [1991-2001], hai máis de 7.500 vivendas baleiras, todos dados tirados de 2001; a poboación de Ferrol segue baixando se no 2001 eramos 77.930, neste momento con datos do padron de 2006 somos 76.399, dos cais sobre unhas 17.000 son persoas que superan os 65 anos de idade; o índice de envellecemento [relación entre a poboación maior de 64 anos e a poboación menor de 20 anos] na cidade era, en dados do 2005, 144,77, cando a media de Galiza está en 130,04. Segundo os dados oficiais, Ferrol, segue sendo unha das zonas de Galiza máis deprimidas e cun maior índice de desemprego. Mais aínda se temos en conta as previsións de construción de vivenda que hai para Santa Icía, Santa Mariña e o Bertón, onde son máis de 2.000 as vivendas previstas de nova construción, a argumentación da promotora e o Concello aínda perde máis peso.
Chamamos a atención do que consideramos algo moi importante, dado o impopular e cuestionado, tanto administrativa como socialmente, proxecto urbanístico, este non se vai efectuar, pois que non lle quepa a menor dúbida de que nos poñeremos diante das máquinas para impedílo, mais unha vez aprobado en Pleno, aínda que sexa nulo de pleno dereito, o Concello probabelmente que teña que facer fronte a unha importante indemnización á empresa promotora, cos cartos de toda a cidadanía. Pois non é de recibo que inmersos xa, os partidos políticos, nun proceso electoral, estexamos a cidadanía baixo estas ameazas á veciñanza e ao medio ambiente.
Mais o verdadeiro argumento realmente fundamental é o innecesario e criminoso sacrificio dunha das escasísimas e reducidísimas mostras de bosque autóctono existentes no Concello de Ferrol, irrecuperábel no caso da súa destrución ou desaparición, para no seu lugar poñer 69 chales e un complexo hosteleiro e o grave do asunto é que un dos grandes beneficiarios da construción deste complexo especulativo non é outro que Juan José Fernández García, actual Teniente Alcalde de Ferrol, líder de Independentes por Ferrol, apoiado polos seus socios do PP no Goberno Municipal, que en vez de protexer o noso patrimonio natural colectivo, fai todo o contrario, pois tirou un beneficio particular, a todas luces eticamente deplorábel, sen entrar noutras valoracións que será o fiscal o que as determine no seu momento.
A Fraga de Menáncaro é un lugar merecedor de normas protectoras específicas, dado o seu interese natural, didáctico, científico, cultural, paisaxístico e ecolóxico do conxunto do habitat e dalgunhas das árbores e espécimes da flora existentes no lugar, xa que constitúe un patrimonio natural e cultural valioso, de interese público.
Desde as organizacións ecoloxistas e veciñais vímonos opoñendo, desde hai tempo, a tal agresión ao medio natural e demandamos para toda a Fraga unha figura de protección especial de todo o Espazo Natural, polo que reiteramos ao Concello de que unha vez por todas rexeite o Plano de Sectorización e chamamos a toda a cidadanía a secundar esta demanda, mesmo agora diante das próximas eleccións municipais, mais a Vostede SOLICITAMOSLLE QUE INTERVEÑA PARA EVITAR ESTE ATENTADO ECOLÓXICO, mesmo solicitando ás Direccións Xerais implicadas que atendan as nosas demandas remitidas en escrito urxente hai máis dun mes, onde informabamos das pretensións do Concello, de aprobar o proxecto especulativo alegando silencio administrativo. Sobre todo agora, é importante evitar este atentado ecolóxico, pois desde a propia ONU estase a facer un chamamento para protexer os espazos naturais e o medio ambiente para desacelerar o cambio climático que pode ser catastrófico para a humanidade e todas as especies do Planeta.
Ferrol - Serantes, a 14 de Abril de 2007
Asinado no nome propio e da Comunidade Menáncaro.
Ramón Regueiro Santiago
DNI 32591787-M
Lugar de Quiá, 180
Serantes-Ferrol [15405]
Telefono.: 981327494
Telemóbel: 630287900
correio-e:
menancaro@gmail.com
Blog da Comunidade Menáncaro:
http://menancaro.blogspot.com
Blog Menáncaro Formación Senlleira:
http://fragademenancaro.blogspot.com/
segunda-feira, abril 16, 2007
Estimado Sr. Presidente da Xunta de Galicia
Assinar:
Postar comentários (Atom)
Um comentário:
Boas noites
O último que teño escoitado, pero non confirmado, é que se vai levar para adiante a destrucción da Fraga de Menáncaro. Preferiría que esto fose falso e que a política e os intereses persoales non quedasen por riba do medio natural que TODOS disfrutamos.
Poderíades poñer un post para informar de como vai o asunto, por favor?
Postar um comentário