Sítio na rede para denunciar o projecto de urbanizaçom que pretende borrar do mapa umha das poucas fragas de espécies autóctonas que há em Ferrol
correio-e: menancaro@gmail.com

domingo, setembro 23, 2007

Constituido o Comité Galego das árvores e formaçons senlheiras

Constituido o Comité Galego das árvores e formaçons senlheiras que já tivo a sua primeira reuniom onde se tomárom umha série de acordos de importáncia e se vam a avaliar as solicitudes realizadas até o dia de hoje, entre as que se atopa a da Comunidade Menáncaro.

Nota de imprensa emitida pola própria Xunta de Galicia:

A Dirección Xeral de Conservación da Natureza constitúe o comité das árbores senlleiras, que examinará 189 novas solicitudes de catalogación

O comité, que se constituíu esta semana, está integrado por representantes da administración, da universidade, técnicos, biólogos, asociacións protectoras do medio ambiente, e decidirá sobre a inclusión de novos exemplares no Catálogo de Árbores Senlleiras

O catálogo é un rexistro público, creado en maio deste ano, no que se recolle unha primeira selección de 106 exemplares de 60 especies distintas, así como 21 formación arboradas de 14 especies diferentes

O comité iniciou xa a planificación dunha liña de axudas para o vindeiro ano, encamiñadas á conservación, protección e mellora dos exemplares incluídos no catálogo, así como a realización de tratamentos silvícolas ou fitosanitarios para o seu mantemento

Santiago, 22 de setembro de 2007.- A Dirección Xeral de Conservación da Natureza recibiu 189 solicitudes de inclusión novos exemplares no Catálogo de Árbores Senlleiras, cuxo decreto de creación entrou en vigor en maio deste ano. O rexistro recolle inicialmente 106 exemplares de 60 especies diferentes e 21 formacións arboradas compostas por 14 especies distintas; aínda que se configura como unha ferramenta aberta e en constante actualización, podendo propoñer a inclusión de novos elementos os seus propietarios, as administracións públicas, centros de investigación ou entidades que teñan entre os seus fins a protección da natureza.

O órgano encargado de analizar as novas solicitudes é o Comité das Árbores Senlleiras, que se reuniu por primeira vez o pasado mércores nas instalacións da propia Consellería de Medio Ambiente. Os membros do comité foron designados por diferentes institucións e organismos que teñen como finalidade a protección, conservación ou divulgación das árbores senlleiras. O órgano está presidido polo director xeral de Conservación da Natureza, Xosé Benito Reza, e ten entre os seus membros, representantes dos departamentos autonómicos como Cultura ou Medio Rural, das tres universidades galegas, técnicos do Centro de Investigación Ambiental de Lourizán, da Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (Adega), así como representantes de asociacións protectoras do medio ambiente.

O comité ten como principais funcións a inclusión e exclusión de exemplares e formacións no Catálogo de Árbores Senlleiras, a elaboración

de plans de xestión e a valoración dos tratamentos fitosanitarios requiridos en cada caso, entre outras.

Na súa primeira reunión, a da súa constitución oficial, o Comité das Árbores Senlleiras iniciou a elaboración dos criterios de inclusión de novos exemplares e formacións no catálogo. Estes parámetros servirán para realizar a valoración final do conxunto de solicitudes de inclusión, 189 ata a data, e poder seleccionar as árbores e formacións máis representativas da nosa comunidade.

Así mesmo, o comité iniciou a planificación dunha liña de axudas para o vindeiro ano, destinadas á conservación, protección e mellora dos exemplares e formacións ou, no seu caso, a realización de tratamentos fitosanitarios ou silvícolas de mantemento.

Por último, na reunión do comité valorouse de xeito positivo a proposta de crear dentro da páxina web da Consellería de Medio Ambiente (http://medioambiente.xunta.es) un apartado específico para o Catálogo de Árbores Senlleiras, con información individualizada de cada un dos exemplares catalogados.
_________________

Nenhum comentário: