Sítio na rede para denunciar o projecto de urbanizaçom que pretende borrar do mapa umha das poucas fragas de espécies autóctonas que há em Ferrol
correio-e: menancaro@gmail.com

quarta-feira, janeiro 30, 2008

Outra volta na Defensa da Fraga de Menáncaro

A Comunidade Menáncaro e as organizaçons ecologistas ADEGA, SGHN e VERDEGAIA, mantivémos umha reuniom o passado 17 de Janeiro, nos locais da delegaçom ferrolám da SGHN, para analisar a situaçom na que está o processo para a proteçom definitiva da Fraga de Menáncaro.

As organizaçons ecologistas e a Comunidade, venhem mantendo reunions de seguimento, entre elas e também co Concelheiro de Urbanismo, Sr. Mato.

A reuniom de mais calado, foi no mês de Julho do passado ano, onde participou o Alcalde, Sr Irisarri e vários concelheiros. Reuniom onde os representantes do Governo Municipal formulárom o seu plano de actuaçom, despois de que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, através da DIRECCIÓN XERAL DE CALIDADE E AVALIACIÓn AMBIENTAL [11.06.2007] e da DIRECCIÓN XERAL DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE [06.07.2007], requerira ao Concelho, no praço dum mês desde a última notificación, a anular ou revogar o acordo de aprobaçon definitiva adoptado na sessom plenária extraordinária do 20 de abril de 2007. Cousa que ocurreu, por acordo plenario, o dia 3 de agosto de 2007, onde se aprovou a "proposta de iniciación do expediente de revison de ofício do acordo citado de data 20 de abril de 2007", para a sua anulaçom. Por motivos de índole administrativo o Concelho deixou transcurrir o praço máximo de três meses, para elevar ao "Consello Consultivo de Galicia" a proposta citada, polo que nom lhe queda mais remédio que iniciar de novo o procedimento, comezando pola convocatória dum pleno extraordinário, cousa que até agora nom se fixo.

No requerimento da DIRECCIÓN XERAL DE DESENVOLVEMENTO SOSTIBLE, do 6 de Julho de 2007, na sua parte final, manifestava que o citado requerimento ten carácter de "dilixencia preliminar á presentación dun recurso contencioso-administrativo entre dúas administracións públicas, segundo dispón o artigo 44.1 da Lei 29/1998, de 13 de xullo, reguladora da Xurisdición Contencioso-Administrativa", polo que exigimos à Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible que apresente o citado RECURSO.

Muitos son os motivos polos que no se tinha que ter aprovado o "Plano de Sectorización de Menáncaro-Serantes", mas a razom pola que a Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible, considera que o acordado polo Pleno do Concello de Ferrol o 20 de Abril de 2007, é nulo de pleno direito, é que o proxecto urbanístico non cumprimentou o trámite de someter a "Avaliación de impacto ambiental", procedemento de avaliaçom ambiental estratégica exigido pola Lei 9/2006, de 28 de abril.

Pola importáncia da notícia publicada no dia de hoje no jornal comarcal Diario de Ferrol, transcrevemos a mesma a continuaçom, assim como publicamos a nota de prensa enviada pola SGHN, no nome da Comunidade Menáncaro e as já mencionadas organizaçons ecologistas da Comarca.

DIARIO DE FERROL
30.01.2008
Presentan un contencioso contra a aprobación do proxecto de chalés na zona de Menáncaro
En abril do pasado ano, co grupo de PP e IF á fronte do goberno local e nun polémico pleno no que a oposición non estivo presente, aprobouse o plan de sectorización de Menáncaro. O proxecto de urbanización incluía a construción de 69 chalés de luxo e un hotel nas inmediacións dunha fraga centenaria.

REDACCIÓN > FERROL
A zona de Menáncaro conta cunha fraga centenaria que debe ser conservada

A pesar de que a Xunta informou desfavorablemente sobre o proxecto, a coalición PP-IF acolleuse a que este ditame foi presentado fóra de prazo para esgrimir a figura do silencio administrativo e dar o visto e prace ao plan.

O cambio de goberno (PSOE-EU) supuxo para o proxecto un novo xiro e así se anunciou que levaría a pleno a revogación do acordo do plan de Menáncaro, algo que respondía a un compromiso electoral e de pacto de goberno. O pleno da corporación aprobou, deste xeito, o 3 de agosto o inicio do procedemento de revisión de oficio de actos nulos de pleno dereito do acordo plenario de 2007, pero desde entón non se volveu a saber nada do tema. O único que se deu a coñecer, e non precisamente positivo, é que o expediente referido á urbanización de Menáncaro, resultado do acordo de agosto e que debería ser remitido ao Consello Consultivo da Xunta, caducou en novembro.

Ante esta situación, os colectivos opositores ao proxecto urbanizador da fraga de Menáncaro -Comunidade Menáncaro, Verdegaia, SGHN e Adega-Trasancos- acordaron nunha reunión mantida o rexeitamento á aplicación do silencio administrativo para a aprobación do proxecto, recordando que as resolucións de Medio Ambiente e da Dirección Xeral de urbanismo expuxeron no seu día que o plan non respondía á lexislación vixente, polo que non se lle podía aplicar o silencio administrativo.

Así mesmo, un dos propietarios afectados pola urbanización presentou un recurso contencioso contra a aprobación definitiva do proxecto, tendo en conta que o pasado 21 de xaneiro finalizaba o prazo establecido para tal fin. Así mesmo, reclámase das administracións competentes que se recalifiquen os terreos como chan rústico de especial protección, xa que a cualificación actual non respecta, a xuízo dos afectados, a Lei de Ordenación do territorio, Lei de Augas, Lei de Montes e Lei do Só, ademais de non adaptarse ao PXOM por non incluír un Catálogo de Bens Protexidos, non contar con tres hectáreas para edificación e non dispor de terreos regulares e de pendentes reducidas.

Estas medidas, segundo o colectivo opositor á urbanización, responden a un incumprimento dos seus compromisos por parte do goberno ao "non anular a aprobación definitiva do plan de sectorización de Menáncaro-Serantes e de protexer legalmente a carballeira existente nesa zona". Ante esta situación, que, segundo as entidades ecoloxistas e veciños da zona que integran a plataforma, limítase a ser unha declaración de intencións pero que non queda de manifesto en ningún documento legal, os afectados piden, ademais, unha entrevista urxente co alcalde de Ferrol, Vicente Irisarri, co obxectivo de que se lles explique o motivo do que consideran un deixamento municipal.

Desde o colectivo explícase que están dispostos a retirar o contencioso aberto se o Concello toma as medidas oportunas, pero, de non ser así, deben ser as entidades as que fagan fronte a esta situación para intentar salvar unha zona de máximo interese natural e que, polo menos deuse a entender, tamén interesaba ao goberno, aínda que aínda non fixo nada respecto diso.

Enlace coa noticia orixinal
________________________
De: SGHNFERROL -sghnferrol@teleline.es-
Para: artabra21@gmail.com
Data: 29 de janeiro de 2008 11:50
Asunto: Nota de Prensa


Nota de Prensa
Prégase a súa publicación

@s afectad@s polo Plan de Sectorización de Menáncara-Serantes presentan un Recurso Contencioso contra a aprobación definitiva de dito proxecto.

Denuncian o incumprimento dos compromisos adquiridos polo Governo local de anular a aprobación definitiva de dito plan e de protexer a Carvalleira de Menáncaro.

Os colectivos opositores ao proxecto urbanizador da fraga de Menáncaro (Plan de Sectorización de Menáncara-Serantes); nomeadamente a Comunidade Menáncaro, Verdegaia, SGHN-Ferrol e ADEGA-Trasancos, mantiveron a semana pasada unha xuntanza na que se analizou a actual situación e se acordaron as seguintes accións a emprender:

- Rexeitar unha vez mais a aplicación do silenzo administrativo para tentar validar a aprobación do proxecto, dado que a Lei 9/2002, de Ordenación Urbanística e Protección do Medio Rural de Galiza, no seu artigo 89.3 establece que non se aplicará o silenzo administrativo estimatorio cando os planos ou instrumentos contivesen determinacións contrarias á lei, aos planos de superior xerarquía ou ás directrices de ordenación. As resolucións prescriptivas da Consellería de Medio Ambiente e mais da Dirección Xeral de Urbanismo xa expresaron, no seu día, que o Plano de Sectorización de Menáncaro non se atiña á lexislación vixente, polo que non se lle pode aplicar o silenzo administrativo. Calquera actuación que desestime as prescripcións sinaladas levaría ao Concello a incurrir en graves infraccións urbanísticas.

- Presentación dun Recurso Contencioso contra a aprobación definitiva do devandito plan por parte dun dos veciños afectados polo proxecto, tendo en conta que o pasado 21 de xaneiro remataba o prazo establecido.

- Continuar esixindo ás administracións competentes o restablecimento da legalidade. Un dos requerimentos é que os terreos afectados se recalifiquen como Solo Rústico de Especial Proteción, dado que a cualificación actual (solo urbanizable non delimitado) non respecta as prescripcións da Lei de Ordenación do Territorio e infrinxe varios artigos da Lei de Augas, da Lei de Montes e da Lei do Solo, ademais de non adaptarse ao PXOM en varios aspectos:

a) O Plano Xeral inclúe esta zona no seu Catálogo de Bens Protexidos.

b) A superficie mínima establecida no PXOM para a edificación en cidade xardín é de tres hectáreas, superficie non existente no caso de respectar a carvalleira e máis o río e o seu bosque de ribeira.

c) Tamén se dispón que os terreos deben ser regulares e de pendentes reducidas, condicións que tampouco se cumpren.

O motivo polo que nos leva a emprender novas accións débese a que o actual Governo local incumpriú os seus compromisos de anular a aprobación definitiva do Plan de Sectorización de Menáncara-Serantes e de protexer legalmente a Carvalleira de Menáncaro. Por esta razón solicitamos, ademáis, unha entrevista urxente co Alcalde ferrolán para que nos explique o motivo deste desleixo.

*Máis información: 981352820 (SGHN) e 616039268 (Verdegaia).
________________
649779774 [ADEGA]
630287900 e 645158113 [Comunidade Menáncaro]
________________
Blogs da Comunidade Menáncaro:
http://menancaro.blogspot.com/
http://fragademenancaro.blogspot.com/
http://menancaroexpress.blogspot.com/
Correio-e da Comunidade Menáncaro:
menancaro@gmail.com
__________________

Nenhum comentário: