Sítio na rede para denunciar o projecto de urbanizaçom que pretende borrar do mapa umha das poucas fragas de espécies autóctonas que há em Ferrol
correio-e: menancaro@gmail.com

terça-feira, setembro 26, 2006

Proposta de resoluçom para a III Assembleia da Pataforma Ártabra 21

PROPOSTA DE RESOLUCIÓN NA DEFENSA DA FRAGA DE MENÁNCARO

A Fraga de Menáncaro está situada no val do río Aneiros ou río da Sardiña, na parroquia de Serantes do concello de Ferrol, esta conforma un habitat natural de máis de 10 ha de superficie. A Fraga de Menáncaro é unha das poucas manchas de bosque autóctono que se conserva no concello, xunto coa Fraga de Monte Fontelo(A Graña), Fraga da Pega e da Casa do Monte(Leixa) e o Acivreiral das Forxas(Covas), espazos naturais que tamén se deberían conservar e protexer. Un dos feitos que fai de Menáncaro unha zona cunha carvalleira singular é a presencia de individuos centenarios de porte excepcional, base dun bosque maduro e de gran biodiversidade.

A Fraga é unha mostra de bosque potencial desenvolvido, prácticamente desaparecido noutras zonas de Ferrol. Un dos principais valores é a súa singularidade, dada a case ausencia de formacións de carvalleiras en Ferrol. O habitat natural de Menáncaro, a protexer, está formado por un bosque ripario que ocupa as marxes do río, unha zona da carvalleira que se imbrica coa aliseda riparia e zonas de prado húmido nas marxes do bosque ripario.

Na Fraga de Menáncaro, há especies singulares e de grande valor, protexidas por normativas en vigor é únicas no contorno, destaca a presenza, no prado húmido, de Juncus foliosus, única localidade da provincia da Coruña. E "entre as especies de interese hai que destacar a presenza de Dryopteris guanchica, un felgo relicto do terciario con presenza en Galiza, Asturias, Algeciras, Sintra e Macaronesia. Está considerada como "vulnerable" no borrador do listado de flora ameazada da Xunta de Galicia. Os narcisos Narcissus triandrus e N. bulbocodium están incluídos no listado sinalado como especies "de interese especial" e ambos están presentes na zona".

Na actualidade, esta carvalleira está ameazada por mor da especulación urbanística, coa construcción dunha urbanización de chalets no lugar, paralizada na actualidade por unha resolución [informe previo á autorización] da Dirección Xeral de Urbanismo, do 7 de Febreiro de 2006, nº de saída 112 [Expediente: 101A – 05/041].

Dado o seu interese natural, didáctico, científico, cultural, paisaxístico e ecolóxico do conxunto do habitat natural e dalgunhas das árbores e espécimes da flora existentes na Fraga, xa que constitúe un patrimonio natural e cultural valioso, de interese público, e unha das escasísimas e reducidísimas mostras de bosque autóctono existentes no Concello de Ferrol, irrecuperábel no caso da súa destrución ou desaparición, esta Asemblea Xeral da Plataforma Ártabra 21,

ACORDA:

1º Defender a Fraga de Menáncaro como un espazo natural a protexer de todo tipo de speculación urbanística.

2º Apoiar a solicitude da Comunidade Menáncaro, de recalificación da zona, por parte do Concello de Ferrol, como Solo Rustíco.

3º Apoiar a solicitude de que sexa declarada a Fraga de Menáncaro: Espazo Natural Protexido.


En Ferrol, a 26 de Setembro de 2006

Nenhum comentário: