Sítio na rede para denunciar o projecto de urbanizaçom que pretende borrar do mapa umha das poucas fragas de espécies autóctonas que há em Ferrol
correio-e: menancaro@gmail.com

terça-feira, fevereiro 07, 2006

Informe da Sociedade Galega de Historia Natural sobre a Fraga de Menáncaro.

DESCRICIÓN DO CONTORNO

A Fraga de Menáncaro é un dos cinco rodais con especies arbóreas autóctonas, non ripícolas, que quedan en Ferrolterra.

Dende hai anos, as asociacións ecoloxistas reivindican a conservación destes rodais, de dimensións medias de catro hectáreas, demandando figuras de protección para elas.

Rodais existentes.-

Monte Fontelo (A Graña): antigo souto, de arredor de oito hectáreas. Dende hai unha década, as castiñeiras foron afectadas pola “tinta”, causando unha gran mortandade entre elas. Os individuos mortos van sendo sustituídos paulatinamente por carballos, loureiros e cerquiños.

Fraga da Pega (Leixa): cunha extensión aproximada de catro hectáreas, está formada maioritariamente por individuos novos de carballos e cerquiños, con loureiros e estripeiros.

Acivreiral das Foxas-Covarradeiras (Covas): ocupa o oco dunha antiga canteira de ouro. Está continuamente ameazada, malia as advertencias de ADEGA- Trasancos, por talas e invasión de eucaliptus provintes das explotacións forestais circundantes deste monocultivo.

Carballeira do Pazo do Monte (Leixa): cunha extensión aproximada de tres hectáreas, está formada por individuos moi lonxevos. O solo está pastoreado e segado na súa maior parte, o que dá lugar a que se manteña como monocultivo de carballos.

Fraga de Menáncaro: unhas cinco hectáreas de bosque de aba de monte, na súa maior parte carballos, colindante cun ameneiral que bordea o Río Sardiña. Componse, por unha parte, de 45 exemplares de carballos centenarios, rodeados por unha masa de carballos de menor idade, na que foron talados antigos carballos de gran porte. Dende hai anos non se realiza poda dos pisos arbustivo e herbáceo, o que está deixando paso ao desenvolvemento da asociación vexetal orixinal.

Presentamos este inventario para salientar a importancia da Carballeira de Menáncaro, que, entre as demais, reúne as mellores condicións, por ser a mellor conservada en canto a porte, idade dos individuos, estrutura da asociación e a aparición do Dryopteris guanchica, felgo macaronésico caracterizado como vulnerable pola UICN.

As relativamente pequenas dimensións destes rodais non lles restan importancia, debido á escaseza de rodais de bosque autóctono en toda a franxa litoral galega, non quedando practicamente mostras do bosque orixinal (Bosques galaico-lusitanos con Quercus robur e Quercus pyrenaica). A presenza constante de Q. Pyrenaica neste tipo de bosques apórtalles singularidade. Hai que ter en conta que as asociacións arbóreas con Q. Pyrenaica son propias do piso montano, e con tendencia continental. A falta de estudos sobre estas asociacións débese á escaseza de rodais e, sobre todo, ás súas pequenas dimensións.

É obvio que as medidas a tomar deben ir a favor da recuperación destes bosques nas dimensións axeitadas (un mínimo de dez hectáreas), mantendo cando menos intactos os pequenos rodais existentes.

Da súa importancia é consciente, teoricamente, o Concello de Ferrol, motivo pola cal introduce estas masas de caducifolias no Catálogo de Bens Protexidos polo PXOM, así como, expresamente, o val do Río Sardiña, colindante coa Fraga de Menáncaro.

Impactos da actuación prevista sobre este medio.-

Practicamente toda a superficie da área de actuación urbanística está ocupada pola carballeira, e situada nunha ladeira cunha pendente media do 15 ao 20%, o que fará imposible a instalación da urbanización sen o aterrazamento da área e a eliminación da pendente, incluso as zonas axardinadas non se adaptarían ás pendentes regulamentarias.

Coa instalación da urbanización romperíase irreversiblemente a unidade paisaxística da Carballeira e o Val do Río Sardiña.

No Estudo de Impacto Ambiental recoñécense os impactos negativos sobre a flora, a fauna e a paisaxe, así como a repercusión negativa e permanente sobre o Río Sardiña.

No mesmo EIA recoñécese a existencia de dezasete especies encaixables nas categorías de protección (en perigo, vulnerables, raras e insuficientemente coñecidas), pero, ademais, omítese a existencia do Dryopteris guanchica (felgo relicto do Terciario), recoñecido como vulnerable pola UICN.

Recoñécese tamén a rareza do biotipo do bosque climácico (que abrangue practicamente a totalidade da superficie a urbanizar).


SGHN – DELEGACIÓN DE FERROL

Nenhum comentário: