Sítio na rede para denunciar o projecto de urbanizaçom que pretende borrar do mapa umha das poucas fragas de espécies autóctonas que há em Ferrol
correio-e: menancaro@gmail.com

segunda-feira, março 20, 2006

No dia forestal mundial a plataforma pola conservación da carvalleira de Menáncaro alerta sobre a dramática situación dos bosques

Nos últimos meses, as entidades ADEGA-Trasancos, SGHN, A.C. Picos do Sol, F. Artabria, a comunidade veciñal e persoas a título individual veñen realizando distintas accións reivindicando a paralización do proxecto urbanístico que ameaza a Carballeira de Menáncaro (unha das escasísimas e reducidísimas mostras de bosque autóctono existentes no Concello de Ferrol). Aínda que o proxecto xa foi rexeitado pola Xunta de Galiza co informe desfavorábel da Dirección Xeral de Urbanismo, este colectivo continuará coas súas accións ata conquerir a creación dunha figura de protección total e expresa para a Carballeira de Menáncaro.

Diante da celebración, o día 20 de marzo, do Día Forestal Mundial, esta Plataforma expresa a súa preocupación pola evolución e situación actual das masas boscosas a nivel planetario. Se no pasado os bosques cubrían máis do 40% da superficie da Terra, hoxe esa extensión tense reducido á terceira parte. Só entre 1990 e 2000 os países con economías sen desenvolver perderon 130 millóns de hectáreas de bosques, con graves consecuencias para a biodiversidade, a conservación dos recursos hídricos, o aumento do dióxido de carbono (responsábel de incremento do efecto invernadoiro), a perda dos emprazamentos para pobos indíxenas, etc.

Dunha análise máis pormenorizada só se poden sacar conclusións alarmantes:

  • Acelerada e imparábel destrución dos bosques tropicais para a extracción e venda de madeira e para introducir cultivos de palma (inicialmente para usos alimentarios e máis recentemente para a produción de combustíbel biodiesel: só en Sumatra e Borneo a superficie de selva destruída acada os catro millóns de ha. e os proxectos en marcha causan arrepíos); en Sudamérica para realizar inmensas plantacións de eucaliptos; nos bosques litorais da beiramar tropical, a destrución xeralizada dos manglares para ubicar factorías de cría de langostinos e complexos turísticos (a desaparición destes bosques permitiu que os efectos do recente tsunami causaran consecuencias tan dramáticas, ao deixar desprotexida a fronte litoral destas costas).
  • En Europa a superficie arborada aumentou significativamente nas últimas décadas, principalmente pola sustitución de antigas terras de cultivo por plantacións monoespecíficas de árbores de crecemento rápido, que non permiten a necesaria recuperación da biodiversidade. En moitos países, os incendios e talas a matarrasa continúan a destruír os escasos redutos de vexetación natural existentes, acelerando os problemas de erosión e acidez dos solos.
  • En Galiza a preocupación céntrase nos monocultivos de eucaliptos e os incendios forestais. No pasado 2005 arderon , ata setembro, case 50.000 ha. de monte (18.700 ha. de monte raso e 28.700 ha. de monte arborado). A falta de investigacións serias sobre as causas dos incendios e as persoas que os provocan leva a pensar en intereses especulativos para forzar recalificacións a favor de novas zonas urbanizábeis, así como no abaratamento da madeira para usos industriais.

As medidas preventivas que se proxectan orixinan moitas dúbidas. ¿Cumpriranse os propósitos de non permitir nun tempo determinado recalificacións, venda de madeira ou pastoreo nas terras arrasadas polo lume? ¿Serán beneficiosas as limpezas exhaustivas dos montes, tendo en conta que provocarán a eliminación da biomasa, a erosión e acidez dos solos, a perda de zonas de acubillo da fauna, ademais de impedir o desenvolvemento do bosque autóctono debaixo dos monocultivos? Semellan ser ameazas serias de máis para ser aplicadas sen estudos fondos e rigorosos. A nosa proposta é que se estableza un corpo de gardería forestal suficiente, se investiguen a fondo as causas, se potencie o bosque autóctono e se evite a despoboación do agro. As medidas tomadas nos últimos anos pola Unión Europea e os gobernos español e galego supuxeron unicamente o empobrecemento da poboación galega (recentemente apareceu nos medios a nova da existencia en Galiza de 600.000 persoas cun salario por debaixo do umbral da pobreza), a destrución case total do sector agropecuario e o envellecemento e despoboamento do medio rural galego.

Nenhum comentário: